Torre de Don Sancho
Tamén recibe o nome de Torre Nova porque foi levantada despois da Torre das Damas, a torre da homenaxe primixenia. No lintel da súa porta lemos “ Esta / Torre mandaron faser Don Sa(n)cho de Ulloa / e Dona Teresa De Zúñiga su muger conde / e condesa de Mo(n)terrey. acabose an(n)o de / mil e CCCC e LXXX e II an(n)os”; pero a documentación antiga permite concluír que a torre non se levantou totalmente ex novo en 1482 como asegura a inscrición, senón que boa parte dela se trasladou e reedificou procedente da vila fortificada de Oímbra, situada a 7 km ao sur do castelo de Monterrei. De planta cadrada e 22 metros de alto, ten 155 m2 por planta en cada un dos seus cinco andares e foi levantada en cantería de moi boa calidade. Os seus muros teñen 3,5 metros de espesor e o acceso localízase á altura do primeiro andar, para dificultar o asalto en caso de asedio.