logob

Palacio dos Condes

É un edificio renacentista no que destacan as súas galerías brasonadas e a Torre das Damas. O palacio, que data dos séculos XVI e XVII, foi reconstruído no ano 1962 e está formado por dúas fachadas nobres; a que mira ao patio de armas ten dous corpos, o inferior definido por un conxunto de dez arcos escarzanos apoiados en columnas de sección oitavada. Sobre este pórtico, unha galería aberta de granito protexida por un peitoril do mesmo material. A fachada orientada ao sueste presenta unha galería de tres corpos, cada un deles organizado en cinco arcos rebaixados e levemente apuntados. O andar superior opta por arcos deprimidos, mentres que o máis elevado –que soporta o aleiro do tellado– prescinde deles por completo. Os andares elevados protexen aos residentes con peitorís macizos de granito. Nun lateral un machón no que se abre un balcón voado e separa o corpo anterior dunha nova galería que comunica co patio de armas superior. Seica desde el Pedro O Cruel, a mediados do século XIV, contemplaba fascinado o horizonte inspirado polo amor da condesa, unha de tantas lendas románticas que se inspiran nas fortificacións medievais.