Palacio dos Condes (fachada SE)
A fachada orientada ao sueste presenta unha galería de tres corpos, cada un deles organizado en cinco arcos rebaixados e levemente apuntados. O andar superior opta por arcos deprimidos, mentres que o máis elevado –que soporta o aleiro do tellado– prescinde deles. Os andares elevados protexen aos residentes con peitorís macizos de granito. Nun lateral un machón no que se abre un balcón voado separa o corpo anterior dunha nova galería que comunica co patio de armas superior. Seica desde el Pedro I o Cruel, a mediados do século XIV, contemplaba fascinado o horizonte inspirado polo amor da condesa, unha de tantas lendas románticas que se inspiran nas fortificacións medievais.
No primeiro andar vemos –de esquerda a dereita– os escudos dos Acevedo, Ulloa, Fonseca e Castro. No superior os dos Ulloa, Zúñiga, Biedma, Fonseca e novamente Zúñiga.