logob

A maior acrópole de Galicia

Esta monumental fortificación na que se asentaron as linaxes dos Ulloa, os Zúñiga, os Viedma, os Fonseca, os Acevedo e os Duques de Alba, foi un enclave estratéxico desde a Idade Media na defensa da fronteira entre o Reino de Galicia (integrado na Coroa de España) e o Reino de Portugal. Foi bautizada como a acrópole máis grande de Galicia, e está formada por tres recintos amurallados sobre unha alongada lomba natural. Desde a fortaleza, que exerce de faro monumental visible desde toda a bisbarra, domínase desde a Serra do Invernadoiro ata a de San Mamede, pasando polas montañas de Laza e as vías naturais de tránsito procedentes de Portugal á beira do río Támega, do interior de Galicia e de Castela. Na Idade Moderna construíronse dous recintos abaluartados que encerraban os conventos de franciscanos (as primeiras noticias sobre el datan de 1302) e xesuítas, ambos extramuros, baixo a dirección dos enxeñeiros militares do rei Felipe IV. A función militar do conxunto fortificado complementouse coa importante vida cultural da pequena corte nobiliaria, na que se imprimiu o primeiro incunable galego (o Misal Auriense ou de Monterrei, que se conserva na Catedral de Ourense) e impartíase docencia en gramática, artes e teoloxía a centos de estudantes.

De póboa real
a vila condal

En 1262 o rei sabio Afonso X, en contra da vontade dos monxes de Celanova, constrúe unha póboa real sobre o deshabitado Castro de Baronceli, que ata entón servía para delimitar os termos de Pazos, Verín e Mixós. Dalle o nome de Monterrei e pasa a ser un núcleo urbano fortificado ou alcaçaua. Será propiedade real e concello capital da súa administración na comarca ata o ano 1432.
Na primeira metade do s. XIV a vila ten unha nova muralla e fortaleza construída sobre a praza principal da vila, que servirá de residencia aos Zúñigas, Ulloas e Acevedos cando accedan ao señorío. Refórmase o templo parroquial, establécese un convento franciscano extra muros e edifícanse novas casas con rúas de nomes diferentes. Constrúese un albergue “en que se collam os pobres e se crýen os orfos”.

Tiña dúas únicas portas, a do Arrabal ou San Francisco (ao norte) e a do Sol (ao sueste). Os seus habitantes eran canteiros, carniceiros, carpinteiros, ferreiros e zapateiros, un avogado, un cirurxián e dous comerciantes. A maiores a vila tiña escribáns e notarios, así como militares (soldados, escudeiros e cabaleiros) dirixidos por un alcalde. Durante o s. XV Monterrei é centro político e simbólico do señorío condal, cunha función militar, política e relixiosa. Celebra un mercado semanal e unha feira mensual, pero non consigue rivalizar con Verín, que concentra máis poboación e comercio. A vila é obxecto de litixio entre os Zúñiga e os Ulloa. Diego López de Zúñiga e o seu fillo Juán (1458-1474) converten o castelo nun palacio de estilo renacentista, constrúen o pozo e melloran as súas murallas.
No ano 1482 Sancho Sánchez de Ulloa, primeiro conde de Monterrei e Lemos, constrúe unha nova Torre da Homenaxe. A nova construción, visible deste toda a comarca, será o novo símbolo do poder condal. En 1491 Francisco de Zúñiga convértese en Conde de Monterrei (†1501) por resolución dos Reis Católicos, frustrando as pretensións de Sancho de Ulloa.
A principios do século XVI o rei vende a vila ao arcebispo compostelán don Alfonso de Fonseca por dez millóns de marabedíes. A intención do prelado foi cederlla ao seu neto, don Alfonso de Acevedo y Zúñiga († 1559). Baixo o seu goberno fúndase o Colexio da Compañía de Monterrei, reactívase a economía da vila e lévanse a cabo numerosas obras. Á súa morte é enterrado en Monterrei e os xesuítas compoñen na súa memoria textos en latín, grego, hebreo, castelán, italiano, portugués e galego.

As ordenanzas da vila do s.XVI citan os bens que eran obxecto de comercio na feira de Monterrei: viño, peixe –fresco e seco–, carne, aceite e candeas, froita, aves, caza, ovos e queixo. A normativa garda especial atención ás candeas, ao pan e á carne, lexislándose sobre o seu peso. Monterrei acolle o cárcere da xurisdición, situada xunto a porta de San Francisco, onde “suele haber muchos y muy grandes delincuentes por ser aquí la cabeza del estado”.
A finais do s. XVI o conde Gaspar de Acevedo viaxa a América para exercer de vicerrei de Nueva España e o Perú e iníciase a decadencia da vila. A Guerra de Independencia de Portugal (1640-1668) provoca a construción da Atalaia e de dous novos recintos defensivos arredor do castelo medieval dotados con portas e baluartes nos que se instalaron canóns. A mediados do s. XVII a fortaleza pasa a mans do ducado de Alba. A principios do século XVIII, coincidindo coa guerra de Sucesión, constrúese a barreira que divide a vila do colexio dos Xesuítas, a cisterna e o Baluarte do Sol. No ano 1735 unha nova guerra con Portugal obriga a remodelar de novo as murallas, convertendo a Monterrei, definitivamente, nunha fortaleza militar. En tempo de paz o espazo que separa a muralla medieval dos baluartes é aproveitado polo gobernador militar como horta propia, arrendando o terreo sobrante para o mesmo fin. Na década de 1750 o convento franciscano ten 32 relixiosos (27 deles curas), 13 xesuítas (9 curas) e 2 presbíteros dedicados a Sta María de Graza. A mediados dese século un informe militar define o castelo de Monterrei como unha “guarnición de soldados inbálidos”. Na vila viven cerca de 300 habitantes, entre eles 6 zapateiros, 4 xastres, 4 canteiros, 2 barbeiros, 1 estafetero e 11 panadeiros (5 en exclusiva).
En 1764 constrúese a Atalaia e proxéctase a construción dun forte no Alto da Esculqueira ou San Salvador, mais non sabemos se as obras chegaron ao seu fin. Os seus restos aínda eran visibles a mediados do s. XX. En 1767 o rei Carlos III decreta a expulsión dos xesuítas do territorio da Coroa. Os 2 empregados laicos da botica conservan o seu traballo, pero o colexio entra en decadencia, quedando atendido por só 5 mestres. O colexio dos franciscanos colle o relevo e imparten aulas de filosofía, artes e teoloxía. Nesa altura a vila conta con 487 habitantes e Verín con 503. A principios do século XIX, durante a Guerra de Independencia, Soult, o mariscal de Napoleón, ocupa o castelo, forzando a rendición do marqués de la Romana. De seguido marcha camiño de Portugal. No ano 1811 Monterrei deixa de ser capital do condado, que desaparece coa creación obrigatoria de concellos que establece a Constitución de Cádiz. A concesión de feiras a Laza (1816) e Cualedro (1818) supón un duro golpe para a de Monterrei, que exercía un monopolio.
A desamortización de Mendizabal de 1834 deixa a vila sen o hospital da Trindade e sen o convento de 44 franciscanos (entre eles 4 mestres e 11 escolares), que naquel entón vivían e daban aulas no edificio dos xesuítas, ao atoparse arruinado o seu propio desde, cando menos, o ano 1823. A mediados do s. XIX o concello de Verín reutiliza a pedra do antigo colexio xesuíta para construír casas e beirarrúas. O pavimento do seu templo serviu para lousar a igrexa parroquial de Verín. Desmantélase tamén o antigo convento franciscano. No ano 1857 Monterrei conta con 220 habitantes que viven en case 50 casas e Verín con 1429 grazas á súa localización e atractivo comercial.